Chegamos!

Xa estou aquí. E teño Internet..




Agora estou comunicado co mundo, por fin, en Volgogrado.
A viaxe foi correcta; un pequeno retraso en Barcelona compensado coa saída case inmediata dende Riga para só chegar 10 minutos máis tarde da hora prevista.


En Moscova todo moi ben, xa o comento noutra entrada, pero...a partires de aí... unha merda!


Dende o centro de Moscova ao aeroporto hai medio mundo, (tiven que coller un bus, o metro e un tren) e tardei case dúas horas en chegar.
Xa no aeroporto (chegara tarde, claro) e co rexistro pechado, volvinme tolo para que me puideran deixar entrar ao avión. Tiven que subir o ton de voz un pouquichiño para que o aceptaran... :)


Agora ben, estou no avión:




O feito de agochar TANTO a cachola ao entraren pola porta xa non me gustaba... e estaba no certo. Os avións da compañía UTair (Ютейр) son inmesurablemente pequenos (ben... non tanto, pero son pequenos de carallo) e moi incómodos.


O cinturón de seguridade non se podía axustar e a folgura era considerablemente grande e polo tanto, insegura, irónicamente.
A parte interior dalgunhas ventás estaba crebada e aínda por riba... había ferros soltos polo chan! :O 

Máis tarde, estando xa sentado no meu sitio, comezo a ver avións pasar e pasar por diante do noso: un tras outro. Eran milleiros deles, incontables masas de ferro voadoras que non deixaban paso algún á nosa nave...


No total contei ata 16 avións que saíron antes ca nós, mentres o capitán dicía que tiñan problemas de xestión no aeroporto... . A historia é que estivemos sentados no avión unha hora e media, coa parvada do desfile.


O avión sae, chego a Volgogrado e "colorín colorado este cuento se ha acabado"




As vistas dende o aire son incribles... percorrimos o río Volga durante os últimos 200 ou 300 quilómetros: estepa e máis estepa ata o horizonte, soamente ensuciada pola serpeante (que non venenosa) figura dun infindo caudal que flue 3690 km ao longo do territorio ruso.


O aeroporto é moi curioso, ao chegaren o avión queda bastante lonxe da terminal, cousa que podo entender, o autobús leva aos pasaxeiros ata o medio da pista en despois ala! a camiñar...
O máis peculiar é que os familiares, amigos, etc. que agardan... poden entrar á pista!



O corpo do aeroporto é pequeno, como podedes ver na foto. O mellor é que nada máis que te achegas, podes sentir onde estás.



Só despois de ler iso que vedes na imaxe, comecei a comprender que estaba na Rusia de verdade, como é.
"Город-герой Волгоград" (Gorod-geroi Volgograd) significa algo así como "Volgogrado, cidade heroica"

O de cidade heroica foi un título honorífico creado en tempos da Unión Soviética para premiar a valentía, o patrotismo e o honor demostrado polos habitantes dalgunhas cidades durante a Gran Guerra Patria (Segunda Guerra Mundial para os rusos).

Podedes entender o que simboliza iso para eles, están máis orguiosos cun galo con dezaséis pitas...ou máis.



Iso, vémonos na próxima entrada, e un saúdo!

Namentres...



Recibín o meu pasaporte fai un par de días, o visado está preparado e as maletas feitas. Xa só falta coller o avión e liscar, mais non vai poder ser ata o día dezaseis deste mes.



Saio dende Barcelona, fago unha escala de 35 minutos en Riga (si, 35 minutos) e chego a Moscova esa mesma noite, preto das nove.



Quedarei ata o dezaoito en Moscova e aproveitarei para ver a cidade e visitar os lugares máis emblemáticos da megalópole.

O dezaoito pola mañán collerei un voo a Volgogrado, novecentos e pico quilómetros ao sureste de Moscova, farei o rexistro,  e se cadra darei un paseo pola cidade (cousa que dubido).



Xa alá, espero poderme conectar a Internet o máis cedo posible e facer unha análisis da viaxe; namentres, vouvos falar da cidade e mailo país no que vai acontecer todo.

Deica a próxima!

Comeza a viaxe

Nove días faltan para a miña chegada ao que ata non fai moito coñecíase como Stalingrado, a mítica cidade rusa que parou o ataque da Alemaña nazi en 1943; a cidade que librou o mundo da conquista máis inxusta do noso tempo.

Hoxe, renomeada como Volgogrado, esta próspera rexión asentada no río máis grande de Europa, o Volga, é un dos principais destinos turísticos do país máis grande do noso planeta pola súa relevancia histórica e cultural, así coma un centro industrial da Rusia occidental.

Dende agora, comprométome a ensinarvos a cara máis persoal e cercana dunha lenda máis que viva:


Benvidos á miña nova aventura, benvidos a Stalingrado!