Os restos da traxedia




Aínda que xa o dixera o polbo Paul alá por xuño de 1942, ninguén presaxiaba unha victoria fronte ao exército de Hitler. Contra tódolos vaticinios, Stalingrado resistiu un ataque que só os máis valorosos guerreiros poderían ter os collóns a valentía de combater.


Esta casa quedou en pé despois da invasión nazi, e todavía hoxe consérvase intacta (...), ou mellor dito sen tocar... é igual!, o que quero dicir é que polo menos non a esnaquizaron coma o resto dos edificios da cidade.
[A rapaza da dereita é un pequeno agasallo para os lectores "masculinos" ;)]


Algúns din que foi sorte, outros que foi o contraataque psicolóxico e o bo siso dos rusos o que determinou a victoria local, mentres que outros aseguran que Stalin simulou a estratexia de Cachamuíñas para botar aos teutóns do Volga.

Nesta foto pódese ler o seguinte: 
"Defenderémoste, nosa amada Stalingrado!"
(Отстоим тебя, родной Сталинград!)



En calquera dos casos, Stalingrado tornouse nun referente mundial en términos de defensa así coma o lugar que cambiou o maléfico plan do xeneral alemán, pois a partires desa derrota, o imperio nazi foi de mal en peor ata a súa completa derrota o 9 de maio de 1945, Día da Victoria según os rusos. (Ligazón en castelán)

"Stalingrado foi o fin do exército fascista alemán - I. Stalin"
(Сталинград был закатом немецко-фашистской армии - И. Сталин)


Pode ser que sexa que para moitos de vós resulte unha parvada o que vou dicir. Emporiso, para min, ver de primera man cousas coma isto emocióname. Coido que o meu maxín no chega a acadar unha imaxe próxima á realidade acontecida aquí. Simplemente pónme os pelos de punta pensar que neste lugar máis de un millón de persoas morreron loitando polo único que tiñan, o amor pola súa Patria.



A casa totalmente aburatada reflexa o inferno sufrido polos soldados soviéticos.

Pouco quedou trala guerra: unha cidade escachizada, fame e moitos, moitos mortos. Así e todo, a victoria non desanimou ao pobo ruso, que con traballo e esforzo logrou reconstruír a gran Stalingrado de novo.


É unha mágoa o non podervos amosar con máis detalle moitos dos lugares que me gustaría. En moitos casos, mesmo en algúns museos, non está permitido botar fotografías... e non quero arrisca-lo meu pescozo por unha foto :).

Por "último", mirade esta:

Atentos á inscrición:
"Hai na enorme Rusia unha cidade, á que lle foi entregada o meu corazón... Ela pasou á historia como Stalingrado"
(Есть в огромной России город, которому отдано моё сердце... Он вошёл в историю как Сталинград)



Palabras de amor do xeneral Chuikov, nun monumento adicado a este na rúa que leva o seu nome, no centro da cidade.


Como vedes, Volgogrado é unha ciudade con moita personalidade. Seguirei contándovos todo o que poida contar e se cadra, tamén máis.


Un saúdo, meus queridos lectores!

Volgogrado: A Nai-patria chama!




Iso mesmo foi o que pensei eu ao veren esa cousa en persoa. (que c@#$%& é iso!?!?!) Trátase da estatua "Родина-мать зовёт!" (A Nai-patria chama!), e é enorme. Actualmente, cunha altura de 87 metros, é a estatua non relixiosa máis grande do mundo.


Por desexo de Stalin, mandouse contruír en conmemoración da Batalla de Stalingrado. Está situada no "Túmulo de Mamai" (Мамаев Курган), un complexo monumental adicado á ditosa batalla.



O nome de "A Nai-patria chama!" no ven dado polos berros que da ao seu fillo, para que veña a come-lo bocata de chourizo; non. Esa muller, que é a representación da Nai Rusia, fai unha chamada ao patriotismo, á lembranza da forza demostrada ao longo dos séculos polos fillos da Patria, ao non esquecemento da grandeza do pobo ruso.


Nesta foto pódese apreciar as dimensións da colosal estatua, nunha vista aérea do outeiro.

Na parte inferior da instantánea, nesa "fonte", érguese o monumento ao Mariscal da Unión Soviética, Vasily Chuikov, o verdadeiro artífice da victoria na batalla pola Terra Media gran batalla. De feito, a mesma tumba deste Heroe da Unión Soviética atópase non moi lonxe da estatua.

Nas escaleitas, cuxas paredes están decoradas con infinidade de frases e berros de guerra , escóitanse constantemente discursos da época.





No único edificio do complexo (ademáis da igrexa que aparece no vídeo), está o chamado "Lume eterno" (Вечный огонь). Ao redor da man que suxeita o lume, cobren a parede unhas placas onde están escritos os nomes de todas e cada unha das persoas que deron a súa vida nese lugar no tempo do desastre.


En conxunto, é un sitio que paga a pena visitar, e para aqueles aos que lles gusta a historia, é unha visita obrigada.




Déixovos que disfrutedes coas expectaculares fotografías do monumento! Bicos!


Moscova II

... e logo de ter ollado a Praza Vermella, á que chegáramos en taxi, decidín entrar no inframundo mundo subterráneo e contemplar o metro mocovita. Non entendo por que non se lle dá máis importancia a unha contrucción de tal beleza.

Asombráronme as escadas mecánicas que dan acceso ás vías, que son perigosamente perigosas, ademáis de moooooooooooooooooooi longas pero, unha vez nas vías, as escaleiras esquécense.

Un exemplo de estación do metro da cidade:



Despois de percorrer as estacións máis famosas e mirar algún monumento que outro, fomos ao Teatro Bolshoy (Большой Театр). 

O teatro está moi preto do Kremlin, polo que sempre hai masas de turistas correndo de aquí para alá, aló e acolá, e o ambiente é moi agradable; cómpre dicir que o tempo era bo, dato que aínda vos sorprenda, non é TAN raro...


Entramos, pero non sei por que razón non me deixaron facer fotos, e con esta xente mellor no discutir, xa me entendedes.

O interior recordoume ao salón de actos da miña escola (un saúdo aos lectores do Carmelitas de Vigo!), pero coido que un pouquiño máis amplo, non sei, nunca lembro cal é o segundo teatro máis grande de Europa.

En fin, despois de pasar polo museo, insistiron en que tiñamos que ver outro dos principais atractivos da cidade:  
a Catedral do Cristo Salvador (Храм Христа Спасителя).
Este edificio ten historia. Construiuse en 1883, coa coronación do tsar Alexandre III, mais na década dos 30, Stalin mandou derrubala para crear o "Palacio dos Sóviets", un edificio de dimensións faraónicas que representaría o socialismo no mundo.

O proxecto non foi levado a cabo e durante a época soviética, no seu lugar non houbo máis cunha piscina.
Foi en 1994 cando o goberno post-soviético decidiu recontruír o templo respectando as dimensións e formas do orixinal.




Deixando ao lado o tour cultural, chegou o momento de pasar pola cociña e enche-lo bandullo.
Para iso, fomos a un restaurante de comida tradicional rusa, no que puidemos degustar varios pratos típicos da zona por un prezo razonable.


Ben ceados, e de camiño á casa, rematamos a mini-visita contemplando a Casa Branca rusa.


Si... na Rusia tamén hai unha Casa Branca, e tamén é a casa do goberno. Tamén hei de dicir que, aída que vos pareza anómalo, gústame máis ca casa do concello de Vigo.

E... non houbo moito máis, volvemos dereitos para á casa a durmir, xa era tarde e ao día seguinte tiña que coller o avión a Volgogrado.



Como remate, déixovos unha chea de fotografías do metro de Moscova despois do salto (facer click en "máis información").

Unha aperta, deica!

Curiosidades

Que é iso de CCCP?

Pois son as siglas de Союз Советских Социалистических Республик, ou como nós o coñecemos: Unión de Repúblicas Socialistas Soviéticas (URSS).


Como podedes comprobar, ata os xeados levan as letriñas da Unión Soviética. O máis divertido é que ademáis de ter ese nome, ser de vainilla e custar moi pouco (10 rublos, que son uns 0,25€ ao cambio), están comunísticamente bos!

Tamén se pode atopar a fouce e o martelo case en calquer lugar:

Na imaxe é posible ver a icona comunista nun poste escollido aleatoriamente nunha rúa en medio de ningures, na cidade de Volgogrado. Aquí hai este tipo de sorpresas por tódolos rincóns.

Hai cousa de dúas semanas decateime dalgo certamente particular. Saíndo dun centro comercial, dinme conta do que sempre tiña tido diante dos fuciños e non vira ata entón.

Tiven a sorte de poder tomar unha desas fotografías que impactan.
Se ampliades a imaxe, poderedes ver un restaurante de comida soviética, facendo alarde das iniciais, as cores e os símbolos comunistas, todo iso... preto dun McDonald's... en serio!, non é ningunha broma, aínda que sexa gracioso.

E nada, coma estas hai mil e unha historias que contar, espero poder compartilas convosco en próximas entradas. 



Vémonos, boa noite!

Blini: As tortas rusas


Hoxe vouvos amosar un prato da cociña tradicional rusa: os blini (en ruso: блины)

A palabra "blin" (блин) provén do término en antigo eslavo "mlin", e os rusos tamén a utilizan como interxección (blin!!!) para dicir algo parecido a "merda!"

Un blin é unha torta fina, semellante ás filloas, feita de leite, ovos, fariña e levadura. Pódese cociñar fritida ou ao forno, sendo a primeira a forma máis habitual.
Aínda que se pode comer só, polo miúdo serve de base para diferentes peixes afumados tales coma o arenque, a truita, o salmón ou o esturión. Tamén se toma con caviar, patacas, repolo, champiñóns, smetana (nata agre, moi popular en Rusia), ou carnes (porco, carneiro, terneira, polo, cabalo...).


Este prato de orixe eslavo, constitúe unha das pezas máis importantes da gastronomía rusa (ademáis dos polvoróns). Sufriu unha grande expansión, polo que hoxe pode verse en moitos países do planeta.

Nos Estados Unidos hai unha variación deste prato importado polos xudíos, as famosas "tortitas" americanas. Esas que fan as nais felices ás 6 da mañán para o almorzo e que nin o pai nin os nenos comen porque chegan tarde ao traballo e á escola. O pai anda á procura das chaves coma un tolo, pero sempre está a nai para tranquilizalo e dicirlle (cun sorriso entrañable) "-John, lévalas no peto esquerdo da chaqueta, coma sempre". O pai bica á muller, e antes de saír pola porta o fillo di "-Virás esta tarde ao partido de béisbol?", ao que o pai lle responde "Xúrocho, Mike, esta vez teño a tarde libre para o meu campeón ;)"
Cando os nenos xa están a piques de entrar ao autobús amarelo, a nai (coma sempre) berra "Rapaces! Esquecédesvos o almorzo!", e os nenos corren cara á nai de volta para coller o almorzo, mentras o conductor (que sempre é negro, ou muller gorda) agarda amablemente. No resto da mañán a nai prepara o disfrace de árbore para a actuación-teatral-anual-do-terceiro-curso á filla.
Xa pola tarde, no partido...................................... en fin... xa sabedes como son os americanos.




Farei máis entradas nesta "sección" de gastronomía para achegarvos un pouco máis apetitosamente á cultura da Rusia.

Unhas fotos con diferentes tipos de blini, e ata a próxima!





Os rusos

Volvemos á mesma historia de sempre: non hai que xeneralizar. Pero os prexuízos existen por algo, e continúan a se difundir porque existen.

Deixando claro que sempre, ou mellor dito

hai excepcións, poderíase dicir que os rusos son xente fría, pouco amigable e ata maleducada. Esa é a impresión que dan todo o tempo.

Isto non o estou a inventar eu, nin o fago despois de coñecer a un par deles: non.
O digo logo de ollar a conducta deste pobo no seu medio, na súa vida de cotío.

Despois de ver como se tratan entre eles na rúa, nas tendas, no ascensor, pódese entender un pouco o camiño polo que se move o seu comportamento. Se falando coa nai polo móbil, unha rapaza nin sequera di "ola" ou "que tal?", podedes supoñer como interactúa co resto, verdade que si?
Tenme pasado máis de unha, dúas ou catrocentas veces o de saudar nun bar, nunha tenda, no ascensor e non oír resposta algunha.
A ausencia do "спасибо" (grazas) é forte, se non tanto en situacións de conveniencia, si no que para nós podería ser o "normal". Tan difícil é botar un sorriso? Ou polo menos responder o saúdo.
O altruísmo neste país é polo menos escaso.


Ben, agora cómpre aclarar outro punto, que para min é aínda máis importante. Para iso, gustaríame que esquecesedes o de que son xente desagradable e toda esa leria.
Certo é que o primeiro contacto non é especialmente amigable, mais non hai que quedarse só con iso (aí nacen os prexuízos).

Ben sabido é o da camaradería rusa, cantas veces temos escoitado nas películas o de "camarada!".
Pois precisamente ese simple termo ( en ruso "товарищ") é para min o que mellor define á sociedade rusa.

Fai tres días, á mañán, volvía á casa logo de mercar o pan. Ao chegaren á porta do edificio, que por certo é este (o da esquerda):
coincidín cunha señora que tentaba pasar o carro da compra pola porta. O carriño pesaba o seu, así que nun acto infindo de vontade, axudeille a metelo ata o ascensor.
A señora nin sequera mirou para min, colleu o carro, entrou e ata outra. Eu xa non agardei e subín polas escaleiras.
Ben. Pola tarde, despois do curso de pedagoxía que estou a facer, cheguei ao piso ao redor das oito e media. Cando estaba a abrir a porta do apartamento, sae do piso contiguo a señora coa que topara esa mesma mañán. A señora, cunha face de asombro, fai un aceno coa man dicíndome que me achegue.

A conversación foi algo así (imaxinádea con números polo medio, letras ao revés e acento ruso:
Señora-Ola (na forma de "vostede")
Eu: -Bo día
S: -Vaia, non sabía que vostede estaba neste piso, comprouno?
Eu (con cara de parvo): -Non, alu...
S: -Ah! Está vostede de aluger, non si?!
Eu: -Si, iso mesmo (un esbozo de sorriso xogueteaba nos meus beizos)
[Silencio]
S: -Seica tes frío, ou?
Eu: -Ben, si, vai moito frío neste país
S: -Non é vostede noso (ruso), ou que?
Eu: -Non, non son ruso
S: -E de o...?
Eu: -Español
S: -Vaites! En serio?, e que fas na fría Rusia?, es estudante, ou traballas? (xa cambiou a "ti")
Eu: -Son... estudante
S: -Entendo... quen o diría! O teu ruso é perfecto, moi ben! Oiches, se precisas dalgo, o que sexa, por favor peta á porta e xa está, se non estou eu podes falar coa miña filla, la non traballa e sempre está na casa cos rapaces. Se queres calqueira cousa pídello a ela. E perdoa que pregunte tanto, é que... gústame saber quen son os meus veciños. Xa sabes, é un país perigoso, non se pode confiar en ninguén.
Eu: -Vale, pois graciñas e que teña unha boa noite.
S: -Vale, mozo, adeus. E non esquezas o que che dixen, avísame se necesitas algunha cousa!
Eu: -Non o esquezo, boa noite.

E a señora, feliz, entrou na casa.
Dende aquel momento, ela, a súa filla, o home e ata o resto dos veciños saúdanme cada día e invítanme a comer con eles, ofrécenme aceite, té, ovos ou arroz a diario.
Hoxe por ti, mañá por min.

En realidade así funcionan os rusos cos seus e coa xente apegada. É así como viven, precupándose polo seu. E por iso a actitude cara o resto é, dende o meu punto de vista, moi desagradable.

Cada día entendo máis a grande hospitalidade que ofrece esta xente á que, por desgracia, non é doado chegar. Mais como xa dixen, unha vez entras nesa carcasa de formigón armado reforzada cunha cuberta de titanio, os seus sentimentos están abertos ao cento por cento, xeralmente para ben.

Cambiando de tema, así é a vista dende a xanela do meu piso:

Estes días, nos que as temperaturas xa chega a baixar dos 0ºC, podo ver a rapazes na rúa de tertulia cunha cervexa na man, coma se estivesen no verán...


Xente estrana.





Vémonos na próxima entrada!

Moscova I

Se así é dende o avión:

Imaxinádevos o que pode ser camiñar polas rúas da maior cidade de Europa...
Os rusos fan todo grande, ou moi grande; en proporción ao espazo libre que teñan, que polo xeral é moito moitísimo.


Como dicía, todo é inmenso. Por exemplo: a Universidade Estatal de Moscova (Московский Государственный Университет), un dos oito rañaceos que Stalin mandou facer entre os anos 40 e 50. Sete deles están situados en Moscova, e son coñecidos popularmente como "As Sete irmás" (Семь сетёр).

Noutra entrada falarei con máis detalle destas megacontruccións soviéticas


As estatuas non son estatuas, son mundos:
Ista é unha Estatua de Pedro I o Grande, de dúas veces o tamaño da Estatua da Liberdade. Foi diseñada polo pintor, escultor e arquitecto ruso Zurab Tsereteli en conmemoración dos 300 anos da Armada de Rusia, que foi creada polo tsar Pedro I.



Como sabedes (polo menos deberiades de), Moscova (en ruso: Москва, pronunciado "maskvá") é a capital da Federación Rusa. A súa poboación, de case 15 millóns de persoas, convértena nunhas das cidades máis poboadas do mundo, sendo a maior de Europa.
Está situada a ámbolos dous lados do río Moscova (de aí o nome da cidade) e ocupa unha extensión equiparabre ao dobre de Madrid, por exemplo.

Por desgraza,  só puiden estar en Moscova cousa de tres días, polo que tempo para ver houbo ben pouco...
Aínda así, tiven a sorte de cadrar co excepcional bo tempo e disfrutar á máxima do maior atractivo da megalópole: "a Praza Vermella e todo iso"

O nome da Praza Vermella (Красная Площадь), a diferenza do que a maioría pensa, non ten relación algunha co comunismo, senón que "красная", que quere dicir "vermella", en ruso antigo significa "bonita". Si... eu tampouco o sabía ata non fai moito.
Trátase dunha praza de dimensións case cósmicas, por non dicir considerables, e chea de turistas.

Está arrodeada pola Catedral de San Basilio, o Kremlin, o Museo Estatal de Historia e o GUM.
Tamén falarei máis profundamente dos elementos da Praza, que non son poucos, e tratar de contar un pouquiño o que é cada cousa.

O que máis me impresionou foi a sensación de agrofobia que non pensaba se pode sentir nunha cidade. Aquel sitio ten algo máxico, se cadra polo significado histórico ou polo simple feito de estar no lugar máis emblemático do país... é algo así como estar a mirar a Catedral de Santiago. Pois iso mesmo.


Faltan infinidade de cousas das que falar, coma o Teatro Bolshoi, o metro da cidade (considerado o máis bonito do mundo), falar dos mocovitas, das catedrais, da pobreza e riqueza en África e o tráfico que sofre Moscova.
Déixoo para máis adiante, que hai tempo y aínda lle quedan algunhas páxinas baleiras ao blog, así que espero vervos na próxima entrada.



Unha apertaza!


Algunhas imaxes:


Vista da Praza Vermella


Catedral de San Basilio

Museo Estatal da Historia

Ministerio de Asuntos Exteriores de Rusia

Catedral de Cristo Salvador

Chegamos!

Xa estou aquí. E teño Internet..




Agora estou comunicado co mundo, por fin, en Volgogrado.
A viaxe foi correcta; un pequeno retraso en Barcelona compensado coa saída case inmediata dende Riga para só chegar 10 minutos máis tarde da hora prevista.


En Moscova todo moi ben, xa o comento noutra entrada, pero...a partires de aí... unha merda!


Dende o centro de Moscova ao aeroporto hai medio mundo, (tiven que coller un bus, o metro e un tren) e tardei case dúas horas en chegar.
Xa no aeroporto (chegara tarde, claro) e co rexistro pechado, volvinme tolo para que me puideran deixar entrar ao avión. Tiven que subir o ton de voz un pouquichiño para que o aceptaran... :)


Agora ben, estou no avión:




O feito de agochar TANTO a cachola ao entraren pola porta xa non me gustaba... e estaba no certo. Os avións da compañía UTair (Ютейр) son inmesurablemente pequenos (ben... non tanto, pero son pequenos de carallo) e moi incómodos.


O cinturón de seguridade non se podía axustar e a folgura era considerablemente grande e polo tanto, insegura, irónicamente.
A parte interior dalgunhas ventás estaba crebada e aínda por riba... había ferros soltos polo chan! :O 

Máis tarde, estando xa sentado no meu sitio, comezo a ver avións pasar e pasar por diante do noso: un tras outro. Eran milleiros deles, incontables masas de ferro voadoras que non deixaban paso algún á nosa nave...


No total contei ata 16 avións que saíron antes ca nós, mentres o capitán dicía que tiñan problemas de xestión no aeroporto... . A historia é que estivemos sentados no avión unha hora e media, coa parvada do desfile.


O avión sae, chego a Volgogrado e "colorín colorado este cuento se ha acabado"




As vistas dende o aire son incribles... percorrimos o río Volga durante os últimos 200 ou 300 quilómetros: estepa e máis estepa ata o horizonte, soamente ensuciada pola serpeante (que non venenosa) figura dun infindo caudal que flue 3690 km ao longo do territorio ruso.


O aeroporto é moi curioso, ao chegaren o avión queda bastante lonxe da terminal, cousa que podo entender, o autobús leva aos pasaxeiros ata o medio da pista en despois ala! a camiñar...
O máis peculiar é que os familiares, amigos, etc. que agardan... poden entrar á pista!



O corpo do aeroporto é pequeno, como podedes ver na foto. O mellor é que nada máis que te achegas, podes sentir onde estás.



Só despois de ler iso que vedes na imaxe, comecei a comprender que estaba na Rusia de verdade, como é.
"Город-герой Волгоград" (Gorod-geroi Volgograd) significa algo así como "Volgogrado, cidade heroica"

O de cidade heroica foi un título honorífico creado en tempos da Unión Soviética para premiar a valentía, o patrotismo e o honor demostrado polos habitantes dalgunhas cidades durante a Gran Guerra Patria (Segunda Guerra Mundial para os rusos).

Podedes entender o que simboliza iso para eles, están máis orguiosos cun galo con dezaséis pitas...ou máis.



Iso, vémonos na próxima entrada, e un saúdo!